Monday 13 de May de 2024

A Xunta someta a información pública o proxecto do Parque Eólico Carboeiro


Contempla a instalación de oito aeroxeneradores, dous deles no termo municipal da Laracha.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial do parque eólico Carboeiro que afecta a territorio dos municipios da Laracha, Arteixo e Culleredo.

Contempla a instalación de oito aeroxeneradores de 4,5 MW de potencia unitaria, dos cales dous estarían situados na zona alta da larachesa parroquia de Erboedo. Nun deles, os núcleos máis próximos son A Portela e Vilarmaior, e o outro está previsto preto do límite co municipio de Culleredo.

Na publicación no DOG inclúese un anexo coa relación de bens e dereitos afectados. A documentación está a disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e tamén nesta ligazón á súa web: https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion.

O prazo para presentar alegacións ou observacións é de 30 días.